FERROL360 | Martes 1 outubro 2013 | 19:33
O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ares levou a pleno unha proposta na que demanda que o consistorio se postule a favor dun sistema regulado de bolsas escolares para estudantes do municipio.
Os nacionalistas lamentan que Ares sexa un dos poucos concellos que non dispoña deste tipo de achegas que, segundo o portavoz municipal do grupo «deberían ser unha prioridade para facer unha política social».
Ademais, quéixanse de que co fin de organizar un campionato de dominó, se aprobara unha partida de 1.800 euros. Critican que nestes momentos, moitas familias «teñen serios problemas» para a adquisición de libros, pago de comedores ou, no caso de cativos que cursan estudos fóra do ámbito municipal, facer fronte ao gasto do transporte escolar.
A iniciativa do BNG está a ser valorada en diferentes reunións que o grupo mantén con diversos colectivos e particulares. Agardan «construír un estado de opinión favorábel» para que o goberno municipal asuma a súa proposta no vindeiro debate plenario.
Debate sobre el post