Publicidad

O BNG de Fene homenaxea a Pancho Allegue no décimo aniversario do seu falecemento

FERROL360 | Domingo 6 setembro 2015 | 17:01

Un ano máis, e cando se cumpren dez do seu pasamento, o BNG de Fene rendeu homenaxe ao seu compañeiro Pancho Allegue. Allegue foi concelleiro na localidade durante os anos de goberno nacionalista, destacado sindicalista e creador das escolas obradoiro para a formación de mozos e mozas e o fomento do emprego.

Ao pé do monumento á súa memoria no Parque Castelao, este domingo tivo lugar un acto aberto a toda a sociedade no que o alcalde de Fene, Juventino Trigo, aseguraba que «o traballo constante e continuado durante os últimos anos fixo que a sociedade de Fene devolvese á alcaldía ao Bloque Nacionalista Galego, algo do que Pancho estaría moi orgulloso».

Juventino afirmou que toca devolver a Fene ese lugar de vangarda no que o deixou Pancho e o seu equipo. «Devolverlle o prestixio das escolas obradoiro, devolverlle a excelencia nos servizos sociais, facer que sexa de novo un exemplo a seguir na defensa da lingua e da nosa cultura».

Entre os méritos de Allegue, o rexedor destacou o xeito de facer unha política diferente ao dos poderes establecidos, centrada nas persoas e no seu benestar por riba de todo. «Un político que de seguro non aceptaría hoxe ningún tipo de lección sobre como facer política para as persoas, ou sobre como traballar para o pobo, porque é o que fixo durante toda a súa vida», incidiu Trigo.

Para concluír, o alcalde afirmou que «o traballo de persoas como Pancho transcende máis alá da vida e da morte e convértese nun legado de valor incalculable que no presente podemos e debemos aproveitar ao máximo, sobre todo, quenes temos responsabilidades de cara á cidadanía».