Publicidad

O BNG de Ferrol critica a paralización do servizo do FEVE este martes

FERROL360 | Martes 16 febreiro 2016 | 20:42

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censura que este martes, «unha vez máis», o servizo de ferrocarrís de vía estreita non se atopou operativo por non dispor de medios para reparar as máquinas, causando un grave prexuízo para as persoas usuarias do mesmo e cubrindo este servizo, a empresa, a través de taxis ou autobuses.

Para o BNG é «inasumíbel» que se dean situacións como esta amosando a «desidia na xestión deste servizo». O deterioro deste servizo, sinalan, súmase ao abandono do servizo de media distancia na rede de ancho ibérico da conexión Ferrol-A Coruña, que evidencia o «absoluto desprezo» por parte do Estado respecto dunha infraestrutura básica como é o ferrocarril.

O Bloque considera «imprescindíbel» que se acometan as melloras necesarias para rematar con estas situacións que «impiden que os ferrocarrís poidan circular», sendo preciso, aseguran, que «se adecúen os servizos ás necesidades sociais, colaborando a unha verdadeira relación intermodal, tanto nas comarcas de Ortegal e Ferrolterra como na Mariña».