Publicidad

O BNG de Ferrol leva ao pleno unha moción de apoio á Plataforma de Vítimas do Alvia

REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 27 xullo 2016 | 10:20

Dous representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia, Asunción Ferreiro e Jesús Naveiras, compareceron este martes en Ferrol xunto aos concelleiros do BNG, Iván Rivas e Eva Espiñeira, para presentar a moción que o Bloque levará ao pleno ordinario de fin de mes deste xoves en apoio á Plataforma.

O voceiro do grupo nacionalista, Iván Rivas, explicou que na moción ínstase ao Concello de Ferrol a recibir á plataforma para coñecer de primeira man as súas demandas, a solicitar ao Goberno central que encargue a unha comisión de expertos independentes a investigación do suceso, así como a apertura dunha investigación para establecer posibles responsabilidade políticas.

Rivas salientou que o colectivo ten desenvolvido «un traballo inxente» e sen esa labor «a investigación estaría finiquitada». O voceiro nacionalista pediu pasar «das palabras ao feitos» e denunciou os «constante e permanente» intentos de ocultar e non sacar á luz as causas do accidente.

Neste punto, Rivas dixo que a reapertura do caso por parte da Audiencia Provincial «produce unha entrada de aire fresco». Nesa mesma liña pronunciouse Ferreiro, que indicou que agora «se abre unha porta á esperanza». Asunción Ferreiro, nai dunha das vítimas do accidente, pediu unha vez máis verdade, xustiza e transparencia.

A representante da plataforma insistiu en que «levamos tres anos denunciando as mentiras do PP, PSOE e varias institucións e agora a UE valida a verdade oficial, que é que a investigación do accidente non foi independiente». E é que no estudo encargado polo Goberno central non se da resposta a preguntas fundamentais, asegura Ferreiro.

Preguntada sobre o feito de que ese informe de Bruselas estivese listo no mes de xaneiro, pero non se dera a coñecer ata hai unhas semanas, Ferreiro asegurou que adiouse por presións políticas porque «non era o momento adecuado para sacar ese informe», que tivero que ir a buscar ata Bruselas representantes do colectivo.

Unha vez máis, desde a Plataforma esixen a formación dunha comisión técnica e independente; unha comisión de investigación parlamentaria que depure responsabilidades; que tanto os ex ministros de Fomento, José Blanco e Ana Pastor pidan perdón e que haxa unha xustiza independente e dilixente onde a Fiscalía traballe por defender os dereitos das vítimas.