FERROL360 | Luns 11 de novembro de 2024 | 10:55
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, expresou a semana pasada a vontade da formación nacionalista por manter na cidade a documentación existente no Arquivo Intermedio Militar e polo tanto manifestou a oposición do BNG ás pretensións do Ministerio de Defensa de desmantelar e trasladar a Madrid este arquivo histórico da nosa cidade.
O portavoz nacionalista destacou a importancia deste arquivo, en cuestións como os diferentes estudos referidos á represión franquista na nosa cidade, comarca e mesmo no conxunto do país, sendo este arquivo un lugar de referencia para estes traballos, polo que desde o BNG esiximos e demandamos ao Ministerio de Defensa que cese nesta idea de desmantelar o arquivo de Ferrol e trasladalo a Madrid.
Asi mesmo, Rivas, esixiu do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, un pronunciamento expreso neste senso e que polo tanto lle demande ao Ministerio de Defensa que dea marcha atrás nesta decisión. Aclarou, ademais, que en calquera caso o Ministerio de Defensa podería e non debería ter ningún problema en dixitalizar os arquivos existentes no propio arquivo militar da cidade,ficando en Ferrol os orixinais e permitindo o seu acceso remoto a través deste proceder.
O BNG sinala que este arquivo é unha fonte substancial de información á que acoden numerosos e numerosas investigadoras para analizar e desenvolver traballos de investigación sobre diversas cuestións e materias, pero sobre todo é unha fonte substancial de información no referido á represión exercida durante a guerra civil e respecto das persoas represaliadas, asasinadas ou desaparecidas durante ese período escuro da nosa cidade e do noso país, polo que este traslado dificultará este tipo de traballos e investigacións.
O portavoz lembrou que a documentación existente neste arquivo serviu de base, sen ir máis lonxe,para que os historiadores Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz desenvolvesen a investigación que sustenta o monumento ás e aos asasinados polo franquismo na comarca de Ferrolterra inaugurado neste pasado mes de febreiro no barrio ferrolán de Canido.
Tamén pediron den de a formación nacionalista ao goberno municipal de Ferrol que proceda a convocar a Mesa da memoria histórica de Ferrol para que poidamos avaliar esta decisión e obteñamos un posicionamento das persoas implicadas na recuperación da memoria histórica na nosa cidade e comarca contrario a este traslado.
Este arquivo forma parte do patrimonio da cidade, un patrimonio que debe ser consolidado e posto en valor destinando recursos á súa modernización e rehabilitación do edificio que o acolle mais que desmantelado.
O portavoz nacionalista puxo como exemplo o que se ten feito noutros lugares onde, por exemplo, o arquivo militar de Salamanca foi declarado como lugar da memoria. Rivas explicou que seguindo este tipo de exemplos é o que deberiamos de facer co arquivo intermedio de Ferrol que é xusto o contrario de baleiralo.
Neste senso considerou oportuno demandar a reincorporación ao arquivo de Ferrol de documentos que foron trasladados a outros arquivos militares pese a terse xerado esa documentación no ámbito territorial que comprende este arquivo.
Así mesmo demandou, tendo en conta do valor patrimonial desta documentación, que o Concello de Ferrol solicite e inicie os trámites para declarar como ben patrimonial este arquivo e a documentación alí existente sexa incorporada ao catalogo do patrimonio cultural de Galiza como ben catalogado a protexer.
Debate sobre el post