FERROL360 | Miércoles 30 de octubre de 2024 | 7:56
O BNG de Ferrol demandará no pleno ordinario deste xoves á corporación municipal que exixa da empresa que xestiona o tratamento dos residuos na cidade que devolva os máis de 0,8M de euros cobrados de máis polo seu tratamento na planta de SOGAMA durante o ano 2023 e que o concello de Ferrol asuma a necesidade de mudar o sistema de tratamento de residuos co obxecto de reducir o seu volume e camiñar cara un modelo de xestión sustentable.
Iván Rivas explicou que tras analizar as facturas emitidas pola empresa mixta SOGAMA durante o ano 2023 pódese comprobar que durante o ano 2023 as facturas xiradas ao concello supoñen un importe total de 1.424.121,78 euros con IVE.
O contraste desta cantidade respecto dos 2.250.986,56 euros efectivamente recadados por URBASER durante o ano 2023 por este mesmo concepto evidencia o descontrol financieiro que existe respecto do cobro do canon de Sogama aos ferroláns por parte do Concello e deixa como resultado un saldo favorable a favor da veciñanza de 826.864,78 euros que debe ser reclamado á empresa xestora e restituído aos veciños e veciñas da cidade.
Por outra parte, o portavoz nacionalista advertiu que o actual modelo de xestión dos residuos na cidade é un modelo insostible tanto económicamente como medioambientalmente e que ademais carece do máis mínimo control na súa xestión privada por parte do goberno local.
Economicamente insostible
Dende o BNG explican que recorrentemente está sometido a subas no seu custe, tal e como aconteceu en 2014 durante o anterior mandato do PP, e como 10 anos despois o mesmo Alcalde pretende reproducir. Medioambientalmente insostible porque incinerar residuos sen desenvolver ningún tipo de medida correctora co obxecto de reducir o seu volume atenta contra os máis mínimos principios da sustentabilidade e na actualidade supón o incumprimento do marco normativo actual derivado da Lei 7/2022 de Residuos e Solos contaminados para una economía circular onde se establecen obxectivos cuantitativos de redución de residuos dun 13 % respecto dos xerados en 2010 en 2025 e dun 15% en 2030.
Por último Rivas, considerou que na actaulidade o actual servizo de tratamento de lixo na cidade carece do control da súa xestión porque resulta inconcibible que a veciñanza de Ferrol este a pagar 0,8M de euros de máis polo servizo de tratamento de residuos sen xustificación algunha e co consentimento do goberno local.
Rivas lembrou ademais que a actual situación do servizo de recollida e tratamento de lixo na cidade é desde todo punto de vista inaceptable, cunhas ordenanzas fiscais sen actualizar e co servizo máis caro da cidade sen contrato.
Por estas razóns, exixirán ao Alcalde da cidade que corrixa a súa política de incremento dos tributos municipais.
Por último, instou ao goberno local a mudar o modelo de xestión do tratamento do lixo a través da xestión municipal dun servizo que deste modo evite desfases económicos como os actuais e que desde unha perspectiva sustentable oriente os esforzos á redución dos volumes xerados mediante procesos compostaxe e reciclaxe reducindo así os custes asociados á incineración.
Debate sobre el post