FERROL360 | Mércores 8 de xaneiro de 2025 | 13:45
O BNG, a través do seu deputado no Congreso, rexistra iniciativas en que inquire ao Goberno sobre as obras previstas no Cuartel de Dolores da cidade para a construción dun taller de automóbiles para o Tercio Norte.
Néstor Rego exixe a Defensa a máxima colaboración entre institucións e que se paralicen os trámites para a construción nunha parcela cualificada de zona verde e que podería ter importantes afeccións patrimoniais no Cuartel declarado Ben de Interese Cultural.
Tamén reclama que o proxecto sexa sometido a todos os controis urbanísticos e patrimoniais preceptivos.
O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, exixiu ao alcalde da cidade que demande ao Ministerio de Defensa a rectificación do deslinde practicado na parcela e que nos arquivos do concello consta como municipal e polo tanto a devolución dos terreos apropiados polo Ministerio de Defensa, que ademais forman parte das zonas verdes municipais.
Por outra parte Rivas lembrou que en reiteradas ocasións demandou na comisión informativa de urbanismo información respecto dos traballos que se pretenden desenvolver nesta parcela, «diante do cal o PP asegurou non ter ningunha información nin intención de solicitala» engade Rivas.
«é moi preocupante que o Alcalde da cidade se exima da súa responsabilidade respecto da protección do patrimonio local», dixo Rivas, quen instouno a actuar diante duns traballos que a día de hoxe descoñecemos a situación en que se atopan ou se contan coa autorización da Dirección Xeral de patrimonio.
Cesar nas intencións de levar a cabo a construción do taller
Defensa iniciou os trámites para edificar un Módulo para Talleres no Tercio Norte de Ferrol, nunha parcela cualificada no plan urbanístico da cidade como zona verde e sen seguir os trámites legais preceptivos para desenvolver unha obra destas características na cidade. «Sen saber, tampouco, que afeccións van ter sobre unhas edificacións declaradas como Ben de Interese Cultural polo que é preciso contar cos permisos oportunos e manter, cando menos, as cautelas que exixe a normativa de conservación cultural» sinala Rego.
O BNG considera que Defensa debería dar «marcha atrás nas súas intencións de iniciar unhas obrase sen que exista un control previo», cando menos informativo, respecto das posíbeis afeccións patrimoniais, así como repensar se este proxecto «debe saír adiante ou non».
Recuperar os terreos municipais
A organización nacionalista lembra da existencia dunha parcela –de titularidade municipal- que está a ser parcialmente ocupada polas instalacións do Cuartel de Dolores. Esta parcela mesmo foi pechada ao público polo fechamento perimetral do propio acuartelamento, que foi renovado hai un par de anos sen corrixir esta ocupación e, polo tanto, mantendo a división, collendo parte do terreo público municipal como se fose do Ministerio de Defensa.
«O Concello de Ferrol ten iniciado un expediente de recuperación destes terreos que chocou sempre coa negativa do Ministerio de Defensa de devolverllos á institución municipal e que abocou ao Concello de Ferrol a ter que iniciar unha reclamación xudicial para a súa recuperación», denunciou Rego.
Debate sobre el post