FERROL360 | Venres 26 setembro 2014 | 16:45
O voceiro parlamentario de educación do BNG, Cosme Pombo, mantivo este venres unha xuntanza no Concello de Narón cos membros do grupo municipal do partido para abordar a situación do ensino na localidade.
Co curso escolar xa iniciado, os nacionalistas detectaron unha serie de carencias polas que preguntarán á Xunta de Galicia e que serán obxecto dunha iniciativa que presentará o BNG no Parlamento en próximas datas.
Entre as cuestións debatidas no encontro destaca a necesidade de mellorar os equipamentos escolares, para o que pedirán á administración autonómica que asine un convenio de colaboración co Concello, como así demandaba o pleno por maioría o pasado mes de febreiro.
En canto aos comedores escolares, instarán á Xunta a aumentar as prazas de comedor e solucionar a problemática ao respecto dos almorzos. Tamén queren saber desde o Bloque se existe previsión, dadas as necesidades apreciadas pola comunidade educativa, da construción na zona urbana dun centro público de Primaria e Secundaria.
