R. SALGADO | @raulsalgado | Narón | Xoves 19 febreiro 2015 | 13:12
«A Xunta segue discriminando ao noso concello». Declaracións de Pablo Villamar, voceiro do grupo municipal do BNG en Narón, en relación co retraso que acumula a execución do proxecto para dotar á localidade dun novo centro de saúde. O edil compareceu no consistorio xunto ao voceiro no Parlamento de Galicia, Francisco Jorquera.
O deputado autonómico coñeceu ao longo desta xornada non só a problemática sanitaria de Narón, senón tamén a de Ares, onde o Goberno galego tamén pretende ampliar a actual infraestrutura. Jorquera sostivo que as instalacións do Alto do Castiñeiro son «total e absolutamente insuficientes» e que non permiten «atender debidamente» aos cidadáns nun concello no que aumenta a poboación.
Denunciou que o executivo de Feijoo «segue sen cumprir» as súas promesas en canto a esta iniciativa e indicou que a consignación nos seus orzamentos do 2015 é de «cero euros». Ao mesmo tempo, resaltou que o Partido Popular «rexeitou este ano as enmendas para que houbese dotación».
Nesta liña, dixo que o presidente galego «anunciou 15 novos centros» en 2012 e que non está aberto ningún a día de hoxe. En opinión de Jorquera, a Xunta pretende «substituír realidade por propaganda» nun eido, o sanitario, que «non é unha prioridade».
A formación nacionalista reclamará de novo na Cámara do Hórreo que haxa «diñeiro para empezar» as obras nas proximidades do actual centro.


