Publicidad

O Campus de Fútbol Sala Feminino «Mavi» pecha as súas portas ata o vindeiro verán

FERROL360 | Domingo 26 xullo 2015 | 19:59

Dúas semanas intensas repartidas en dez sesións nas que participaron un total de 23 deportistas, o Campus de Fútbol Sala Feminino «Mavi» pecha así as súas portas ata o vindeiro verán. A segunda edición deste actividade rematou cunha gran festa do deporte na que participaron xogadoras internacionais, familiares das participantes, representantes municipais e monitoras.

Balonmán, hockei, partidos de fútbol sala con globos e pelotas de tenis compuxeron as actividades da última xornada. Tamén houbo sorteos e Mavi Vieira e Erika González entregaron as medallas conmemorativas do evento, mentres que os representantes da corporación de Fene realizaron a entrega de diplomas e lambetadas ás deportistas.

O fútbol sala foi o eixo central das sesións, nas que as nenas tiveron a oportunidade de descubrir e iniciarse na aplicación de diferentes conceptos técnico-tácticos característicos do fútbol sala. Como organizadoras e mestras de cerimonias o Campus contou un ano máis con Pili Costa e Natalia Prieto, ambas as dúas adestradoras tituladas en Educación Física.

Nesta edición participaron tamén figuras do fútbol sala feminino español como Erika González, internacional do Valdetires Fsf de Primeira División; Lida Mesías, internacional que xogou a pasada tempada en Primeira División no Viaxes Amarelle FSF; Claudia Martínez, internacional do Poio Fs de Primera División e Alba López, xogadora do Valdetires Fsf de Primera División

Ademais destas figuras en activo tamén participou María Fernández Villamar, coñecida deportivamente como «Minchi», quen foi porteira de División de Honra varias tempadas xogando co Meirás FSF.