FERROL360 | Sábado 9 xullo 2016 | 13:50
Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol activa unha nova técnica de depuración renal, a Hemodiafiltración on line, coa que se consegue unha eliminación de toxinas máis parecida á do propio ril e tamén de maior volume. Son catro pacientes os que se están a someter a este tratamento, que comezaba hai dous meses na Xerencia Integrada de Ferrol.
O responsable de Nefroloxía da XIF, Pablo Bouza, indica que agora «implantouse esta nova técnica de depuración renal denominada hemodiafiltración on line, que en Galicia é pouco habitual dada a súa maior complexidade e a necesidade de contar con auga ultrapura».
Esta nova modalidade de hemodialfiltración consiste no emprego conxunto da hemodiálise e da hemofiltración, mediante a aplicación dun dializador de alta permeabilidade hidráulica. Emprega como líquido de substitución o propio baño de diálise obtido en condicións de ultrapureza, isto é, libre de bacterias e piróxenos.
«É requisito indispensable contar cun sistema que garanta dispor desa auga ultrapura», xa que se emprega como líquido de reposición de altos volumes. Isto quere dicir que a depuración extracorpórea limpa o sangue non só das moléculas máis pequenas, senón aquelas de maior volume, conseguindo unha eliminación das toxinas máis semellante á do propio ril humano.
O CHUF é un dos tres centros galegos que aplica este tratamento, que segundo os estudos dispoñibles amosa un aumento da supervivencia dos pacientes superior ó 30 %. Unha das principais vantaxes da hemodiafiltración on line é que proporciona unha maior estabilidade hemodinámica ó paciente, o que se traduce nun menor risco de hipotensión durante a diálise, que é mellor tolerada.
Esta modalidade pódese aplicar en determinados pacientes concretos, e cunhas características que determinan os propios especialistas, entre elas o acceso vascular, xa que para poder realizar a dialización é necesario contar cun bo acceso vascular que permita altos fluxos de sangue.
Os catro pacientes que se están a someter a este novo tratamento de depuración renal acoden a dializarse tres días por semana. Como indican dende Nefroloxía, «é a mellor técnica de tratamento substitutivo actual e estase a facer aquí, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol».
















Debate sobre el post