REBECA COLLADO | Ferrol | Jueves 8 septiembre 2016 | 15:00
Un total de 12 compañías, con 13 obras, pasarán polo escenario do centro cívico de Caranza para participar na nova programación do ciclo Domingo a Escena. Como sempre, as funcións serán os domingos, ás 19:00 horas, con entrada de balde.
O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, e Fina Deibe, de Tí e máis eu teatro, presentaron este xoves a programación do ciclo para os meses de setembro a decembro, que traerá a grupos de diferentes cidades de Galicia e cun alto nivel.
Basterrechea salientou que a programación «dará a coñecer o mellor do teatro amador do país» e valorou que o ciclo sexa «un dos habituais» da actividade da Concellería. Pola súa banda, Deibe remarcou que «xa é un referente a nivel galego, pero tamén nacional» e fixo fincapé no «éxito de público» do ciclo, cunha media de 180 asistentes por obra na pasada edición.
Programación
Domingos a Escena comezará o domingo 25 de setembro coa asociación cultural Ditirambo de Oleiros e a súa obra Retrato en branco e negro. O día 2 de outubro tocaralle a quenda a Vindever de Porto do Son con Máis que auga. O seguinte domingo, día 9 de outubro, Farandoleiras Cabaré de Oleiros representarán Pánico.
Xa o día 16 do mesmo mes, Teruca Bouza – SAPG de Mugardos porá en escea O pan de cada día. Collerá o testigo, o 23 de outubro, Delatoute Produccións de Ourense con Viva a menciña e para pechar o mes de outubro, o día 30, Taller de teatro Clámide de Vilagarcía representará El número 22 de la plaza de Castillo.
No mes de novembro, o día 6, a compañía El Ruiseñor de Culleredo subirase ao escenario para interpretar a obra A Xenerala. O 13 de novembro fará o propio a Asociación Mujeres de Santa Marina Amistad de Ferrol con La familia de Próspero Fortúnez. Xa o día 20, Sal-Monela Teatro de A Coruña representará Al final de la cuerda e a asociación cultural Zalaeta-Noite Bohemia de A Coruña pechará o mes, o día 27, con As bizarrías de Belisa.
Tres funcións haberá no mes de decembro antes de entrar na época do Nadal. Así, o día 4 de decembro, a compañía El Ruiseñor de Culleredo representará Los sentimientos juegan al escondite. O día 11 a asociación cultural Chimchiribote-Unidade do Zono de Pol interpretará A quimera do Maxín e o día 18 de decembro Pinchacarneiro Teatro de Noia pechará a programación con L.
Debate sobre el post