REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 17 setembro 2015 | 19:00
Este domingo regresa ao centro cívico de Caranza o ciclo de teatro amador Domingos a Escena. Un ciclo que «tivo sempre unha acollida fantástica» e que ademais «é unha forma de dar saída ao teatro amador», asegurou o concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea na presentación do programa.
Un ano máis, Ti e Máis Eu Teatro encárgase de coordinar o ciclo que é «un dos máis importantes de Galicia», subliñou Fina Deibe que engadiu que «é unha honra poder coordinalo». Deibe explicou que haberá teatro infantil, xuvenil e tamén para adultos e convidou ao público «a que goce deste ciclo teatral».
O grupo de teatro Donas de Amistad será o encargado de abrir o programa este domingo coa posta en escena da obra A vinganza de Antón Torrón. Como sempre, as representaciones serán ás 19:00 horas e a entrada de balde.
A seguinte cita será o día 27 de setembro con Ti e Máis Eu Teatro e a obra A fada da Malla. Xa o 4 de outubro chegaralle o turno a Farandoleiras Cabaré e a súa peza teatral Cabaré de Película. Hermanas Teatro subiranse ao escenario do centro cívico o 11 de outubro para representar a obra Herencia.
O día 18 de outubro Noite Bohemia porá en escena Las Bacantes e o día 25 do mesmo mes Agarimo Teatro representará O anel máxico. As representacións continuarán ata finais de decembro.
Debate sobre el post