FERROL360 | Sábado 18 xuño 2016 | 14:22
O Club de Remo Narón presentou este venres a súa nova traiñeira, coa que competirán durante as fins de semana de xullo e agosto en varias regatas. Ao acto acudiron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Deportes, Román Romero. A primeira cita ten lugar este sábado no Grove nunha proba da Liga Galega.
O Consistorio naronés foi unha das administracións que colaborou economicamente para que o Club de Remo Narón puidese mercar esta traiñeira, que é de segunda man -procede dun clube de Santurtzi, en Vizcaia-, e que custou 12.000 euros.
O concelleiro de Deportes explicou que ata o de agora a entidade deportiva tan só dispoñía de bateis e trainerillas para as categorías infantís, co que a partir deste ano, e coa embarcación presentada esta tarde, o equipo senior poderá seguir vencellado ao Club de Remo Narón.
Deste xeito evítase que as persoas que alcanzan esta categoría teñan que rematar a súa tempada deportiva no clube naronés ou irse a outros para continuar competindo. A entidade ten un total de 51 licencias este ano, nas categorías que van desde alevín a veterano.
Desde o clube agradeceron a colaboración prestada polo Concello naronés e explicaron que o seu obxectivo é pásalo ben practicando este tipo de deporte, animando á veciñanza a formar parte desta entidade.
Ademais, anunciaron que a finais do próximo mes, da que será a primeira edición da Bandeira de traiñeiras Cidade de Narón, evento que coorganizarán o Concello e o Club de Remo Narón.