FERROL360 | Xoves 9 xuño 2016 | 19:28
Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, acordou este xoves co concello de Ferrol prorrogar o convenio de explotación da EDAR de Cabo Prioriño.
O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, mantivo este xoves unha nova xuntanza de traballo cos alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez y José Manuel Blanco. Os tres representantes acadaron un acordo para a explotación da depuradora ata o próximo 1 de xaneiro de 2018, data na que a Mancomunidade se fará cargo desta infraestrutura xunto coa explotación das redes de saneamento da marxe norte e sur da ría de Ferrol.
Os concellos solicitaron a colaboración da administración hidráulica na explotación desta infraestrutura durante o período de tempo necesario ata que a mancomunidade se poida facer cargo da prestación deste servizo.
Desde a entidade autonómica, ofreceuse esta colaboración condicionada ao compromiso firme de que a mancomunidade asumirá a súa explotación a partir da data indicada, e á inmediata entrada de auga residual nas instalacións, co obxecto de que cesen os vertidos contaminantes a ría de Ferrol.