FERROL360 | Sábado 14 maio 2016 | 10:03
O Concello de Moeche vén de celebrar a apertura das ofertas presentadas ao procedemento aberto para a concesión do uso privativo de dous locais situados no recinto feiral de San Ramón.
Trátase, por un lado, dunha nave destinada a produtos agrogandeiros, á que se presentou unha soa oferta e foi adxudicada polo prezo de saída, 3.600 euros.
Para o segundo dos espazos, a nave do polbo, presentáronse tres ofertas que superaron todas elas o prezo de saída -3.000 euros- e resultou adxudicataria a que ofreceu maior contía, 7.020 euros.
A partir de agora ábrese un período de presentación de documentación destes licitadores e unha vez rematada esta fase procederanse a asinar os correspondentes contratos.
A través dun comunicado, o goberno local de Moeche manifesta que con este procedemento «se legaliza unha situación totalmente irregular» que reportará «un beneficio económico para o conxunto da veciñanza». O executivo que dirixe Beatriz Bascoy afirma que con este procedemento ponse fin a unha situación que «supuxo unha perda económica de máis de 25.000 euros para o Concello de Moeche».