FERROL360 | Venres 9 setembro 2016 | 14:19
O Concello de Narón aportará este ano unha partida de 30.000 euros para o programa de Educación para a Saúde-Nutrición Escolar no que participan cinco centros educativos do municipio. Esta iniciativa ten como obxectivo colaborar económicamente coas Anpas dos centros interesados para que as familias poidan conciliar a súa vida familiar e laboral.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, salienta que «se trata dunha serie de actividades socio educativas e nutricionais, cos almorzos escolares, que teñen lugar todos os días lectivos do curso». Un total de 200 escolares beneficiaranse deste programa de Educación para a Saúde-Nutrición.
As anpas do CPI Virxe do Mar, CEIP da Gándara, CEIP da Solaina; CPI do Feal e, este curso 2016-2017 tamén se incorpora a do CEIP Ponte de Xuvia, son as responsables do plan. «O orzamento destinado polo Concello repártese entre os diferentes centros en función do número de alumnos e alumnas que se acollen ao mesmo», explica Taibo.
Á aportación realizada pola administración local súmanse as achegas que fan os pais dos menores, e son as propias Anpas as que contratan o servizo, que se oferta desde os seus propios comedores –no caso dos centros no que estean habilitados- ou con cátering.
A maiores da conciliación da vida familiar e laboral, a iniciativa aposta por «promover hábitos de hixiene alumentaria e proporcionarlles aos nenos e nenas unha dieta equilibrada», sinala Mercedes Taibo.
Debate sobre el post