Publicidad

O Concello de Narón homenaxea a un veciño centenario no Día do Maior

FERROL360 | Martes 1 outubro 2013 | 20:08

Non é o seu aniversario. Pero si o seu día. Hai unha data para todo, e hoxe, o primeiro día do mes de outubro celébrase o Día do Maior.

José Luis López López, veciño de San Mateo, ten 101 anos e resulta ser o home máis ancián de Narón. No municipio, hai ademais outras sete mulleres que cumpriron as dez décadas e algunha delas xa recibiu unha distinción.

Este martes, a homenaxe tocoulle a un carpinteiro e xoieiro natural de Sarria e que viviu moitos anos en Colombia. Para festexar o seu día e a súa lonxevidade, recibiu a visita das concelleiras de Acción e Promoción Social do Concello de Narón.

Dende o consistorio naronés, sinalan que «José Luis López deu mostras de ter unha grande vitalidade, pero sobre todo, de conservar en perfecto estado a súa memoria». Encántalle ver a televisión ou xogar ao tute cun grupo de amigos que o visitan a cotío.

Non é o único centenario da familia, posto que ten unha irmá de 103 anos de idade.

José Luis López, de 101 anos de idade recibiu hoxe a visita de dúas concelleiras do Concello de Narón (Foto: Cedida)
José Luis López, de 101 anos de idade recibiu hoxe a visita de dúas concelleiras do Concello de Narón (Foto: Cedida)