Publicidad

O CPI de San Sadurniño contará con dúas novas aulas o vindeiro curso

FERROL360 | Xoves 30 xullo 2015 | 13:15

A Consellería de Educación ampliará as aulas do CPI de San Sadurniño para axeitalas aos ratios de ocupación que recomenda a normativa educativa. Así, este días o centro está en obras para poder contar con dúas novas estancias e ao mesmo tempo estanase a levar a cabo actuacións de mantemento para que estea a punto en setembro.

As obras de ampliación desenvólvense no baixo do centro e teñen por obxectivo unir pola parte inferior dous dos módulos frontais do edificio. Desde xeito, as aulas que estaban separadas por un grande oco ao aire libre agora serán unha grande sala que, á súa vez, se dividirá en dúas aulas de maior tamaño.

Desde o Concello de San Sadurniño indican que as obras de ampliación foron demandadas en repetidas ocasións tanto pola comunidade escolar como pola administración local, que xa en 2014 denunciaran problemas de espazo nos cursos dos máis pequenos. Así, este pasado curso estaban nunha mesma aula 26 alumnos de 5º de educación infantil nunha aula de 40 metros cadrados.

Este ano incorpóranse en 4º de infantil 20 pequenos e o alumnado que o ano pasado estaba en 5º, onde había unha maior saturación, poderá gozar no novo curso dun espazo axeitado ás súas necesidades educativas.