[one_fourth_last]
FERROL360 | Luns 17 novembro 2014 | 19:01
O obradoiro que impartirá o vindeiro luns David Pintor (Pinto&Chinto) no Museo do Humor de Fene leva por título «Seguro que sabes o que é un caricatura?». Dirixido a nenos de máis de dez anos e público adulto, plantéxase coma un obradoiro teórico-práctico no que o debuxante falará sobre o seu traballo como caricaturista e no que amosará unha selección das súas obras.
A cita será de 16:30 a 18:00 horas e se inclúe na programación de actos do XXX aniversario do Museo do Humor de Fene. Ao remate do obradoiro, David Pintor realizará algunha caricatura en vivo. A actividade é completamente gratuíta e, para anotarse, tan só é preciso chamar ao teléfono 981.34.24.00 de luns a venres, de 8:00 a 14:30 horas.
David Pintor é un dos humoristas gráficos, ilustradores e pintores galegos máis internacionais. Dende o ano 1993 forma parella profesional con Carlos López, Pinto&Chinto, co que publica a diario as súas viñetas no xornal La Voz de Galicia.
No ano 2011 foi finalista dos premios CJ Picture Book Awards e foi incluído na lista The White Ravens; tamén foi seleccionado para expoñer a súa obra en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia.
Recibiu, entroutros o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe e o Premio Ilustrador do Año Città del Sol.
Debate sobre el post