Publicidad

O debuxante Xaquín Marín e o fotógrafo Gabriel Tizón, xuntos nun desafío de ‘Palabras’

ARY LÓPEZ | Ferrol | Xoves 26 setembro 2013 | 12:41

Non tódalas persoas observamos igual unha imaxe ou un debuxo, nin todos entendemos do mesmo xeito as palabras, os conceptos. Se cadra, o mundo da linguaxe, especialmente a visual, está sempre exposto á libre interpretación de cadaquén.

A mirada entendida do mestre galego do debuxo, Xaquín Marín, non comprende o mesmo ca do gran fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón. Das diferenzas e semellanzas destes artistas nace Palabras, un dicionario de imaxes que non agocha un só significado pechado. É unha obra aberta ao imaxinario do lector/espectador que pon a proba a súa fantasía.

O libro ordena alfabeticamente 15 conceptos que comezan co amor e rematan coa xustiza. Entre medio das páxinas viaxan o capitalismo, a cultura, emigración, guerra e paz, o humor, a idea, igualdade, misterio, relixión, saúde, terra e traballo.

Non miran igual os ollos dun fotógrafo ca os dun debuxante. E por iso para Tizón, o concepto traballo é unha imaxe dunha manifestación polas rúas de Ferrol esixindo carga laboral, e para Marín significa un gran aparello que consume obreiros e os converte en parafusos graxentos.

Na tarde de onte, nun acto encabezado polo xornalista Nicolás Vidal, os artífices desta enciclopedia conceptual visitaron o Ateneo Ferrolán para falar deste libro editado por Bululú e con prólogo de Quico Cadaval.

Xaquín recorda que hai máis dunha década colaborou con Gabriel no Museo do Humor de Fene. Del admira «a súa cordura, o seu equilibrio e sobre todo acerta na elección de temas. Algo que considero fundamental».

Pola súa banda, Tizón eloxiou ao creador de Isolino destacando que «traballa coa ilusión dun neno e de aí sae todo o seu traballo». Con respecto ao libro precisou que «pretende amosar non tanto a técnica que se usa senón a mensaxe que se quere transmitir, e esa interpretación é bastante aberta».

Ámbolos dous tiveron ademais palabras de agradecemento ao responsable da editorial, Pablo Zaera, ao que califican de «heroe» por afrontar semellante proxecto nestes tempos de especial dificultade para a cultura.

Palabras é, en definitiva, un reencontro amigable. Un cara a cara entre dous artistas da comarca que en numerosas reunións decidiron os quince termos aos que poñerlle imaxe. Por un lado a sátira, por outro a retórica e como resultado un traballo que invita á evasión libre dos conceptos convertidos en ilustracións.

O público asistente gozou da lectura visual no percorrido que se fixo da obra durante a charla, na que incluso algún espectador reclamou máis cantidade de fermosas imaxes. O editor bromeu cunha posible «segunda parte do libro», ao que Xaquín engadiu: «Dende logo, palabras aínda quedan moitas».

O xornalista Nicolás Vidal percorreu o libro 'Palabras' nun acto celebrado onte no Ateneo Ferrolán (foto: Ary López)
O xornalista Nicolás Vidal percorreu o libro ‘Palabras’ nun acto celebrado onte no Ateneo Ferrolán (foto: Ary López)
Na clausura do acto, os artistas Gabriel Tizón e Xaquín Marín asinaron exemplares do libro (foto: Ary López)
Na clausura do acto, os artistas Gabriel Tizón e Xaquín Marín asinaron exemplares do libro (foto: Ary López)