FERROL360 | Lunes 30 de junio de 2025 | 11:30
Fene celebra este domingo unha nova edición do Día do Deporte na Rúa cunha proposta chea de movemento, diversión e participación aberta a toda a familia. Será a 31ª edición dun evento xa consolidado no calendario local, que este ano volve con máis forza ca nunca: máis de vinte actividades deportivas, xogos, obradoiros e un dos seus grandes reclamos, a tirolina xigante que atravesará a avenida do Tarrío, preto do centro de saúde.
A cita desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas nas rúas de Perlío, con entrada libre e participación gratuíta en todas as propostas. Quen complete tres actividades poderá levar unha camiseta conmemorativa da xornada, ata esgotar existencias. E se a meteoroloxía non acompaña, a festa trasladarase ao pavillón da Xunqueira en San Valentín.
Haberá tenis, judo, defensa persoal, pilates, orientación, xadrez xigante, fútbol, hockei, bádminton, esgrima, pickleball, slackline, chave, boccia, remo virtual, carreiras, circuítos en cadeira de rodas e karts, zona de xogos tradicionais, futbolín humano, tobogáns inchables e talleres de circo, chapas e valoración funcional. A tirolina funcionará tamén o domingo pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, e o luns no mesmo horario.