FERROL360 | Xoves 19 novembro 2015 | 16:32
Nidos de luz é a última curtametraxe do escritor, director de cine, actor e guionista, Darío Autrán. Unha obra que se presentará e proxectará este venres no Ateneo Ferrolán, ás 20:00 horas.
Darío preséntanos a seguinte sinopse de Nidos de luz : Hai algo aí fóra axexándoo. Soamente ten contacto con Juana, unha señora que vén a visitalo de cando en vez. Un día Juana non pode vir e chega a súa neta Alejandra. Esa visita trastornará para sempre aos dous…
Autrán acadou o Premio Mastre Mateo 2014 á Mellor Película para Televisión pola súa longametraxe Tilda & Jean, que colleitou numerosos galardóns.
«O meu cine e todo o que escribo quero que constitúa ante todo un convite, apaixonado e rabioso, á lectura duns mundos que fragmenten a realidade», asegura Darío.
Uns mundos cuxa comprensión «case sempre obrigue ao espectador a transitar un espazo fronteirizo, de límites, no que sexa necesario alzar a man para agarrar os segredos que escondo», conclúe.
Debate sobre el post