FERROL360 | Venres 22 abril 2016 | 17:51
Contacontos, música e teatro son os ingredientes da programación cultura desta fin de semana en Narón. Unha axenda de actividades na que destaca a comedia de humor protagonizada polo dúo humorístico Faemino e Cansado, que terá lugar este domingo no Pazo da Cultura.
O dúo presentará a obra ¡Como en casa ni hablar!, dirixida ao público adulto e dunha hora e media de duración. O prezo das entradas é de 20 euros para o público en xeral e de 16 para abonados. A función dará comezo ás 19:00 horas.
O día anterior, o sábado, chegará á Biblioteca Municipal o contacontos Cervantes e Shakespeare, 400 anos despois. Trátase dunha actividade enmarcada no programa deseñado pola Concellería de Bibliotecas para conmemorar o Día do Libro. O inicio está previsto ás 11:00 horas.
Ademais, no marco desta día conmemorativo se presentará a canle Eu leo, eu son Booktuber, na Biblioteca Municipal.
Tamén o sábado, pero no Pazo da Cultura ás 19:30 horas, terá lugar o III Encontro de Bandas de Música. Neste encontro participarán a Banda de Música Sementeira, de Cambre; a Banda de Música Municipal de Brión e a Xove Banda de Narón.
Para finalizar a fin de semana, máis teatro. Nova entrega da VIII Mostra de Teatro Amador en San Xiao con Non sempre chega o bus. O espectáculo está protagonizado por alumnado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón.
Será a partir das 19:00 horas no local social de San Xiao. A entrada é de balde.
Debate sobre el post