FERROL360 | Xoves 23 xullo 2015 | 10:44
O concelleiro de Facenda e Servizos sociais de San Sadurniño, Suso Soto, entra a formar parte do goberno da Deputación Provincial de A Coruña levando as áreas de Contratación, Patrimonio e Equipamento. Así, xestionará os expedientes de contratación, a administración de todos os bens e propiedades do organismo provincial.
Despois da constitución da corporación hai uns días, este martes quedou formada a Xunta de Goberno do entre provincial, que estará composta por seis representantes do PSdeG-PSOE e cinco do BNG. Aínda que son once membros, só nove deles, ademais do presidente, o socialista Valentín González Formoso, terán asignadas competencias xestoras dentro do organigrama provincial.
Agora falta por convocar o pleno de organización para dar conta das resolucións referidas á conformación do goberno. Nel tamén se someterán a acordo as propostas sobre a periodicidade das sesións plenarias, a composición das comisións informativas, as indemnizacións e retribucións aos membros da corporación e a determinación do cadro de persoal eventual.
Cabe lembrar que Soto xa formou parte da corporación provincial nos últimos catro anos na bancada da oposición.

Debate sobre el post