Publicidad

O espectáculo «Sons Miúdos» recala no Pazo da Cultura de Narón

FERROL360 | Mércores 13 abril 2016 | 18:33

O espectáculo «Sons Miúdos», que os seus impulsores definen como «o máis grande da música infantil galega», detén a súa xira esta fin de semana en Narón. Será no Pazo da Cultura este vindeiro domingo, con inicio ás 18:00 horas. A cita sucede a outras no resto da comunidade autónoma, nas que o cheo foi habitual.

Une as voces de Magín Blanco, Pablo Díaz, Gloria Mosquera, Xoán Curiel, Paco Nogueiras e Ana Senlle. A montaxe producida por Urdime serve para repasar «os últimos quince anos do panorama cultural infantil galego». Trátase dun evento aberto aos máis pequenos e que suma música e teatro durante case 90 minutos.

As actuacións serán presentadas por Montse Piñón e Pepablo Patiño, de Ghazafelhos. Terán protagonismo os instrumentistas do Cuarteto dos Sons Miúdos, integrado por Javier Constenla, Brais das Hortas, Carlos Freire e Pablo Vidal. As entradas, por 9,50 euros para público en xeral e 6,65 para abonados, desempregados ou usuarios de carné xove ou de estudiante -ata 25 anos-.

Máis información e reservas no correo taquilla.pazo@naron.es ou no teléfono 981102897.