REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 29 outubro 2015 | 17:22
O ciclo de teatro afeccionado Domingos a Escena está acolleitando un grande éxito de público, con cheo do centro cívico de Caranza en varias ocasións nas últimas semanas. O programa ten un «público fiel e numeroso», resaltou o concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, durante a rolda de prensa de presentación da nova programación este xoves.
Fina Deibe, de Ti e Mais Eu Teatro, foi a encargada de presentar as obras que se porán en escea dentro do ciclo ata finais de ano. Así, este domingo 1 de novembro, a compañía Vinde Ver Produccións interpretará As barricas da memoria. O día 8 de novembro chegará a obra Nichos para todos, de Bradomín Teatro.
O día 15 de novembro a compañía Ti e mais eu teatro representará Nun recuncho do monte. O grupo El Ruiseñor traerá ao centro cívico de caranza a súa obra Asamblea de mujeres, o día 22. E para finalizar o mes, o día 29 tocarralle o turno á obra Mullerebillosas, a cargo de Martabelas.
No mes de decembro haberá tres representacións teatrais. O día 6 chegará a obra Tan perfecto no lo quiero, de Sal-Monela Teatro. O día 13 El Ruiseñor representará la Casa de Bernarda Alba e por último o día 20 de decembro a obra Miles gloriosus, de Noite bohemia, pecha o ciclo.
Deibe explicou que para favorecer o acceso do público as portas do centro cívico ábrense ás 18:30 horas. E lembrou que o ciclo desenvólvese todos os domingos, ás 19:00 horas, no salón de actos do Centro Cívico de Caranza. A entrada é de balde.
Domingos a Escena «adquire cada vez máis éxito» tanto dentro como fóra de Ferrolterra e estase a consolidar como unha referencia cultural na comarca, destacou Debei.
Debate sobre el post