Publicidad

O ferrolán Brais Romero gaña o Premio María Luz Morales ao mellor Vídeo Ensaio Galego

FERROL360 | Mércores 7 xuño 2017 | 18:41

A Academia Galega do Audiovisual entregou este mércores os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. A convocatoria destacou cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións.

O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia, que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego. O xurado salientou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo.

Romero recibiu, tamén, un accésit ao ensaio escrito galego con O galego no cinema galego, que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.

A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.

Cibrán Tenreiro de Oleiros gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega, polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.

Noelia Álvarez de Lugo e Nazaré Estévez de Cortegada recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.

Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos.

O galardón leva o nome dunha xornalista galega que foi a primeira directora dun xornal diario estatal e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais.