FERROL360 | Lunes 30 de junio de 2025 | 10:50
Do 9 ao 13 de xullo, a música, a tradición e o espírito celta volverán tomar Ortigueira. O Festival Internacional do Mundo Celta xa ten a súa programación definitiva e chega este ano con novas propostas pensadas para todos os públicos, cunha aposta especial polas familias e coa estrea da Vila Celta, un novo espazo que ampliará a experiencia cultural durante o evento.
A poucos días do comezo, Ortigueira xa respira ambiente de festival. As rúas prepáranse para acoller o Festival na Rúa, que arrincará o xoves 10 ao mediodía e culminará o domingo co Desfile das Nacións Celtas. Participarán formacións chegadas de Bretaña, Asturias, Escocia e Galicia, entre elas a bagad Kevrenn Brest Sant Mark, o Grupu Folclóricu Prau Llerón, a Banda de Gaites de Castrillón, os escoceses Caledonian Cowboy Collective Pipe Band, e agrupacións galegas como Xarabal, Herba Grileira, Lembranza Solpor, Ansuíña ou a Banda de Gaitas do Ortegal, xunto coas escolas e asociacións locais.
Unha das principais novidades será a Vila Celta, situada no estacionamento entre a rúa da Soidade e a rúa da Constitución. Promovida pola Escola de Gaitas de Ortigueira e o Concello, funcionará como punto de encontro para artistas e público, con concertos de grupos como Os Carecos, Entós, Embruxo, Lidia India ou Pandereteros d’Anguaño.
O festival tamén reforza a súa proposta para os máis pequenos co Pequefestival, que se traslada á Biblioteca Pública Municipal. Comezará o venres 11 con Magín Blanco e A Banda das Apertas e continuará o sábado coas Historias para escagarriñarse de Teatro Ghazafelhos. O domingo, Mamá Cabra celebrará os seus 25 anos cun concerto especial que promete facer bailar a toda a familia.
No Teatro da Beneficencia, o Festival no Teatro ofrecerá un cartel variado con Raskal, o dúo Hugo Franco e Marc Xarau, e o proxecto Carmela, que combina tradición oral galega con unha mirada contemporánea. E para quen queira aprender ou perfeccionar, tamén haberá obradoiros de baile tradicional galego, asturiano, bretón e irlandés, así como cursos de violín e corda pulsada.
A conta atrás xa comezou. Ortigueira énchese de música, tradición e cultura para vivir cinco días que a consolidan como capital do mundo celta. Toda a información está dispoñible en www.festivaldeortigueira.com.