FERROL360 | Martes 17 novembro 2015 | 17:28
Muros é unha fiestra á dor, ao drama, á barbarie que día a día viven os refuxiados nas fronteiras de Europa. O fotógrafo ferrolán, Gabriel Tizón, achéganos a cruel realidade dos asilados nesta mostra na que se combina fotos, vídeo e textos para dar «o protagonismo aos protagonistas».
O CTB, centro Torrente Ballester, acollerá esta exposición que se inaugura este mércores 18, ás 20:15 horas. É unha das apostas expositivas, máis honesta e comprometida, que realiza a Concellería de Cultura de Ferrol para este outono.
A mostra componse de 62 imaxes escollidas entre as miles que Tizón tirou nos últimos meses durante dúas viaxes «camiñando coa cámara como un artesán, non como artista», e cruzando as fronteiras de seis países de Austria a Turquía.
O fotógrafo realizou o camiño inverso aos miles de refuxiados que saen de Siria presa do mesmo terror que atemoriza a Europa logo dos atentados de París.
A mostra compleméntase coa proxección do traballo documental Lesbos, a illa que non frota, realizado no tramo final dunha viaxe á dor do ser humán, e un libro con textos aportados voluntariamente polos protagonistas das imaxes.
Durante a presentación, Tizón indicou que «máis que fotoxornalista, son un fotógrafo cunha cámara que camiña», expuxo Tizón, que agarda que as imaxes estean a altura da coraxe e do valor das persoas que as protagonizan.
Non se refire a refuxiados porque di que teñen que marchar do seu país en contra da súa vontade, «fuxindo do mesmo terror que vive Francia». Relatou o fotógrafo que hai moitos nenos que afogan e non protagonizan unha foto e hai moitas patadas máis duras que a que percorreu o mundo.
O alcalde da cidade, Jorge Suárez, deu as grazas a Tizón por traer ata Ferrol esta exposición que «nunha imaxe pode resumir a situación destas persoas por riba de calquera argumentario: o drama que se está a vivir nas fronteiras europeas».
A mostra poderá visitarse ata o 15 de xaneiro do 2016.