FERROL360 | Venres 17 abril 2015 | 17:32
O local social do Real Coro Toxos e Froles acollerá este sábado a actuación do grupo «Aires da Terra: O legado de Feijóo». O grupo é unha recreación do primeiro coro galego fundado por Perfecto Feijoo en Pontevedra no ano 1883 e serviu de modelo para os coros que naceron a principios do século XX, como o coro ferrolán.
«Aires da Terra: O legado de Feijóo» reinterpreta as pezas gravadas polo coro pontevedrés no ano 1904 e para elo empregan unha réplica da gaita de Feijoo. A orixinal atópase exposta no Museo de Pontevedra.
Desde o Toxos e Froles indican que será un grande concerto que trasladará aos presentres ás inquedanzas estéticas daqueles homes que buscaban por en valor a música tradicional galega a principios do século XX. A cita será ás 20:30 horas con entrada gratuíta.
Debate sobre el post