FERROL360 | Mércores 29 xullo 2015 | 10:25
O Grupo de Danza Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, viaxa este mércores a Cuba para realizar unha xira na que visitarán La Habana e Ciego de Ávila. Grazas a un convenio coa Universidad de Ciego de Ávila, 35 compoñentes do grupo naronés participarán nestas actuacións.
A primeira será este xoves no Centro Cultural Rosalía de Castro de La Habana. A segunda actuación será o sábado 1 de agosto no Teatro Principal de Ciego de Ávila, onde os naroneses compartirán escenario co Grupo de folclore da Universidad de Ciego de Ávila, e o día 4 no complexo Hotel Blau Colonial. A última das actuacións terá lugar no Centro Gallego de La Habana, o 9 de agosto.
Nesta convocatoria Luciano Fernández, director técnico do Padroado da Cultura de Narón, realizará unha doazón en representación do grupo naronés ao Grupo de Danza Tradicional do Centro Gallego de La Habana.
Os naroneses entregarán todos os elementos de percusión cos que actuarán eses días en Cuba, que son seis pandeiretas, un tambor e un bombo. Todos eles foron realizados nos talleres de construción de instrumentos que se organizan dende o Padroado da Cultura.
Os integrantes do Grupo folclórico da Universidad de Ciego de Ávila desprazaranse o vindeiro ano a Narón, onde tamén protagonizarán varias actuacións musicais.
Debate sobre el post