FERROL360 | Domingo 3 abril 2016 | 17:16
Emigración de mulleres valentes é unha exposición do Ministerio de Igualdad e o Instituto de la Mujer para la Igualdad de Oportunidades busca poñer de manifesto o protagonismo das mulleres nas migracións, tratando de reforzar lazos de solidariedade nun momento de profundo cambio nos procesos migratorios.
O IES Fernando Esquío, en Neda, acolle a mostra durante a primeira quincena deste mes de abril e con ela o centro quere facer reflexionar ao alumnado e ao resto da comunidade educativa sobre a tolerancia e solidariedade nun momento de tránsito de tantas persoas debido aos conflitos bélicos, persecución por ideoloxía, relixión, raza ou cuestións económicas.
A exposición fai un percorrido documentado poloos fenómenos migratorios femininos desde unha perspectiva de xénero, desde finais do século XIX ata os nosos días. Proporciona as claves para comprender a relevancia social, política e económica dun proceso que afectou de forma especial a un considerable número de mulleres españolas.
Pero a pesar dos innegables avances legais e sociais, que recoñecen a contribución das mulleres emigrantes españolas, persisten problemas tradicionais que dificultan a plena igualdade. Así mesmo, xeráronse novos problemas e retos relacionados, sobre todo, coa inmigración estranxeira.
A exposición permanecerá aberta ao público en xeral, non só á comunidade educativa, en horario escolar de luns a venres de 8:30 a 14:10 horase as tardes dos martes e xoves en horario de 16:20 a 18:30 horas.