FERROL360 | Xoves 1 maio 2014 | 13:25
Co obxectivo de acurtar distancias entre as vilas, irmandando lugares arredor da cultura, naceu o Festival Galego de Teatro Amador EstéNarúa. A súa segunda edición celebrarase os vindeiros 24 e 25 de maio e terá como escenario as distintas rúas e prazas de Ferrol.
A Asociación Ti e Mais eu Teatro asume a responsabilidade de poñer en marcha unha cita que persegue a difusión cultural, promover a convivencia entre distintos colectivos e potenciar a promoción turística na cidade.
A presidenta da entidade, Mª Ángeles Rodríguez Montero, acompañada pola pintora burgalesa Rosario Palacios Orive, a escritora María Sande e a voceira do grupo municipal socialista de Ferrol, Natividad González Laso, presentou este mércores no Hotel Carrís Almirante a programación dun evento que reunirá ata doce agrupacións teatrais de toda Galicia e mesmo unha chegada de Palencia.
Dende as 12:00 horas do sábado día 24, arrincará o evento na praza de Amboaxe da man da Escola Municipal de Teatro de Vigo. A esta sucederanlle ao longo de todo o día as agrupacións de Laxe, Ourense, A Coruña, Palas de Rei, Ortigueira, As Pontes, Teo, O Barco e Culleredo. O grupo teatral palentino Cachivache pechará a xornada ás 20:30 horas representando a montaxe teatral Un corazón lleno de lluvia na Fundación Novacaixagalicia.
O domingo 25, ás 11:00 horas no Hotel Carrís Almirante, terá lugar un foro teatral onde se fará pública a Federación Galega de Teatro Amador Amatega.
Debate sobre el post