Publicidad

O Jofre acolle este xoves o I Foro Cívico para artellar canles de participación

FERROL360 | Xoves 3 decembro 2015 | 12:17

O Foro Cívico «Reiniciamos?» ten obxectivo recuperar as canles de participación para darlle aos veciños de Ferrol a voz e o protagonismo na toma de decisións. Un acto que terá lugar este xoves no Teatro Jofre, ás 18:00 horas e no que participarán case 200 persoas.

Este foro é o primeiro paso que da a Concellería de Participación Cidadá para poñer en marcha as ferramentas precisas que permitan aos veciños ten unha comunicación directa co Concello e participar nas tomas de decisións.

Unha característica diferente deste proceso é que busca a implicación da xente nova, de aqueles mozos que teñen algo que aportar e que coa súa participación podan contribuír a mudar a cidade.

Despois deste foro, constituiranse os Consellos Sectoriais e as Asembleas de barrio. Ademais, na web do Concello atoparedes unha ficha de rexistro para participar no portal de transparencia que a Concellería porá en marcha nos vindeiros meses.

Un portal claro e accesible, no que calquera persoa cun teléfono móbil, poderá facer as súas achegas para votar e debater sobre as cuestións que afecten a vida política da cidade.