Publicidad

O Mencer acada o respaldo da Xunta para seguir traballando contra a trata desde Ferrol

FERROL360 | Martes 18 maio 2021 | 12:00

O centro O Mencer das Hermanas Oblatas, ubicado en Ferrol, vén de asinar estes días un novo convenio coa Consellería de Emprego e Igualdade que dirixe María Jesús Lorenzana. Xunto a outras oito entidades, a ferrolá está integrada na Rede Galega contra a Trata atendendo en axuda directa a unhas 200 mulleres víctimas.

Ademais do centro das Oblatas participou a Asociación Comisión Católica Española de Migracións (ACCEM), Aliad-Ultreia, Cáritas Diocesana de Ourense e Santiago, Ecos do Sur, Asociación Faraxa, Fundación Amaranta e Médicos do Mundo.

Explica a Xunta que as axudan se conceden por medio dos convenios, ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e teñen como obxectivo neste caso o de «cubrir as necesidades básicas e puntuais das vítimas, agravadas pola pandemia».

Concretamente, trátase de proporcionar un apoio de emerxencia en materia de aloxamento, alimentación, hixiénico-sanitaria, de transporte ou de telecomunicacións, sinalan. «Iniciativas e proxectos como os que hoxe nos unen permítennos lembrar a importancia de afrontar esta realidade como o que é: unha forma de escravitude contemporánea intolerable», dixo a conselleira.

A Xunta destina 7.000 euros a cada unha das nove entidades, un 40 % máis que no ano 2020 no que se celebraron por primeira vez estes convenios como medida de reforzo no contexto da pandemia. Grazas ás mesmas conseguiuse axudar a 194 persoas en 2020 e a idea é que este ano se poida chegar a outras 200.

Con estes apoios directos compleméntanse outros programas que a Xunta ten activos como o que promove o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual.