REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 4 febreiro 2016 | 19:27
Que ninguén espere ver este sábado no Teatro Jofre un musical do roio do Rei León, porque Bye Bye Honey está moi lonxe de ser unha obra amable, suave e doce. É un musical «proletario, cru, de rock, duro, dos baixos mundos» cunha parte de comedia, pero negra, no que hai mencións á violencia, ao sexo e ás drogas. Logo non digades que o autor da peza, José Prieto, non avisa.
Trátase dunha obra que «reflicte a realidade da comarca» e que podería estar baseada en calquera barrio de Ferrolterra, explicou Prieto durante a presentación do espectáculo este xoves. De feito, apuntou, retrata dalgún xeito a súa propia experiencia, na vivencia da súa adolescencia nun barrio de Narón.
Bye Bye Honey cóntanos a vida de Marta, unha rapaza cun pai alcólico que traballa nos estaleiros. O seu irmán está metido no mundo das drogas e os seus amigos non fan nada máis que pasar o rato, non teñen plans de futuro. Ela, pola contra, soña con ser cantante e tentará escapar da súa realidade cotiá. «O sono americado á ferrolana», bromearon os actores.
Con estes compoñentes, estamos ante unha obra perfecta para achegar o teatro a ese público que normalmente non vai ás obras. É un peza «popular, moi asequible» e está dirixida á xente dos barrios, salientou Prieto. Iso si, debido a súa temática a idade idónea para ver a obra é a partires dos 16 anos, cando xa se pode entender ben a historia.
Aobra é metade teatro e metade concerto de rock e toda a música vai en directo. Ademais, a compañía permite facer fotos e vídeos, sin flash e co móbil en silencio, durante a función e anima aos espectadores a subilos ás redes sociais.
O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, mostrouse satisfeito de traer por fin esta obra a Ferrol. E é que despois de dous anos actuando por toda Galicia, na cidade naval aínda non se tiña representado. Neste senso, Prieto advertiu que dalgún xeito era «contranatura facer o musical por toda Galicia e non telo aquí», cando se fala desta zona.
Protagonizada por Carlos Mosquera, Iolanda Muíños e César Goldi, completan o reparto Fran Facal e Chechu Mosquera. As entradas aínda se poden adquirir ao prezo de oito euros. A cita será este sábado, ás 20:30 horas, no Jofre.
Debate sobre el post