FERROL360 | Xoves 9 xuño 2016 | 11:49
Un total de 92 alumnos de primeiro e segundo de ESO do CPI do Feal participarán no obradoiro «Chef solar» do programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, dirixidos á comunidade escolar. A actividade, que se desenvolverá este venres, pretende achegar a enerxía solar e a nutrición saudable aos escolares.
Os alumnos coñecen diferentes modelos e o funcionamento e montaxe dunha cociña solar e traballan tamén con dous tipos de forno solar. Esa é a parte demostrativa da xornada, precedida por unha sesión na que reciben unhas nocións básicas e información sobre a radiación solar, ao tempo que coñecen a labor de entidades como a Fundación Terra.
Este colectivo promove a sensibilización ambiental entre a sociedade, fomentando as enerxías renovables, especialmente a solar, a través de diversas iniciativas. O alumnado prepara algúns pratos elaborados con produtos ecolóxicos nunha cociña solar, baixo a supervisión de educadores.
Entre os obxectivos desta actividade está promover o uso de enerxías renovables, coñecer as vantaxes de consumir produtos saudables, aprender a cociñar pratos sinxelos e incrementar a implicación dos rapaces e rapazas nas tarefas domésticas, entre outros.
A convocatoria actualmente en marcha enmárcase na área de Medio Ambiente, dirixida polo edil Octavio Dopico, a xa participaron na mesma 96 alumnos de primeiro curso de ESO do IES As Telleiras.
O programa de Recursos Educativos de Apio á Escola impulsado desde o Concello ofértase de balde aos centros educativos do municipio a principios de cada curso. As actividades abordadas abranguen diferentes áreas, como Igualdade ou Ensino, entre outras.
Debate sobre el post