FERROL360 | Domingo 21 xullo 2013 | 16:57
Chegou o día. Narón defende este domingo un dos seus principais orgullos gastronómicos: o pemento. Na contorna do local social do Couto, son moitas as persoas que, desde primeira hora da mañá, gozan dun dos eventos máis consolidados no calendario de festas da comarca.
Na súa edición número quince, as actividades deron comezo coa apertura dun pequeno mercado e dunha mostra de produtos do campo. Tralo pregón, que correu a cargo da actriz Flor Maceiras, celebrouse o acto de xuramento dos novos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
Trátase de Benito Castro, presidente da Cooperativa do Val; a concelleira de Ensino e Bibliotecas de Narón, María del Carmen Espada, e os bailaríns Sandra García e Román Romero.
Pasadas as dúas da tarde, chegaba a oportunidade de atoparse por vez primeira co sabor da hortaliza ou para descubrir nela novos matices. O xantar popular, a un prezo de 12 euros, consistía en churrasco, pan, auga, viño, café ao tizón e, por suposto, os pementos.
Actuacións musicais e a entrega do premio á mellor cesta de pementos serven para pechar unha semana na que a localidade festexou a calidade da súa despensa. Este mesmo domingo, remata a iniciativa Horta de Narón, coa que se quixo promocionar o pemento do Couto e o tomate negro en locais de hostalería do termo municipal e no restaurante compostelán do prestixioso chef Marcelo Tejedor.
Debate sobre el post