Publicidad

O persoal da Biblioteca ferrolá contará un conto reivindicativo este mércores en Armas

FERROL360 | Martes 17 maio 2022 | 20:56

Os efectivos da Biblioteca municipal de Ferrol segue adiante coas súas reivindicacións, que pasan por reclamar a contratación dos efectivos que foron perdendo no cadro de persoal estes últimos anos, nos que unicamente quedan cinco persoas traballando en diferentes quendas, algo que leva afectado moito á xente usuaria en particular e á cultura de Ferrol en xeral.

Protestan tamén pola falla de diálogo co Goberno local, asegurando que ninguén se senta a negociar con eles. Despois de levar as súas reclamacións aos plenos municipais, cunha performance a base de mensaxes en camisolas, e mesmo facer unha procesión en Semana Santa para darlles visibilidade, agora non queren que caian no esquecemento e convocan para este mércores un conta contos.

«Continuamos tirando de enxeño para tentar que non se esquezan de nós», explica Fany Gómez, unha das afectadas. «Que mellor xeito de facelo que contando toda a nosa historia en forma de conto? Porque cono hai moito, pero como diría unha amiga do arte de contar: «todo isto foi certo e puido non ter sucedido»».

A biblioteca que quería ser escoitada é o título do conta contos aberto e de balde que levarán ata a praza de Armas este día 18 de maio ás 12:00 horas, presentado co lema Canto conto. Coincide cunha nova xornada de folga, a primeira das dúas previstas para este mes. As traballadoras e traballadores do servizo convidan á cidadanía a escoitar a súa historia.