FERROL360 | Venres 27 maio 2016 | 9:10
A corporación local de Narón aprobou por unanimidade este xoves no pleno ordinario o convenio de colaboración entre o Sergas e o Concello para executar as obras do novo centro de saúde, que se ubicará nunha parcela próxima á glorieta de Freixeiro.
O borrador do convenio, remitido desde a Consellería de Sanidade hai uns días ao alcalde, José Manuel Blanco, recolle o compromiso do Consistorio de realizar unha achega económica de 1.460.353,95 euros para colaborar nos «custes de execución» dos traballos.
A corporación local votou hoxe a favor da aprobación do gasto plurianual no que se acometerán eses pagos, que se estipularon en 100.000 euros este ano –xa hai unha partida orzamentaria reservada-; 500.000 no 2017 e os 860.353,95 euros restantes no ano 2018.
A cantidade calculouse atendendo ao actual valor de construción do edificio no Catastro no caso de que se modifiquen os valores catastrais a contía final axustarase á que figure no Rexistro na data na que se formalice o contrato, tal e como se especifica no acordo.
O actual edificio do centro de saúde do municipio, na rúa 25 de Xullo, pasará a mans do Concello libre de cargas e gravames e «nas debidas condicións de mantemento» e a Xunta comprométese a pagar as taxas de licenzas e elaborar, supervisar e aprobar o proxecto técnico, así como contratar, dirixir e executar as obras previstas.
O rexedor local valorou o respaldo unánime da corporación ao convenio no pleno, ao tratarse dunha obra, subliñou, moi necesaria para todos os veciños e veciñas de Narón. O alcalde lamentou as continuas dificultades e os reiterados incumprimentos rexistrados desde o inicio do procedemento, recordando que o Goberno local leva advertindo á Xunta desde o ano 2006 da necesidade de construír un novo centro de saúde que se adapte ás necesidades poboacionais da localidade, que aumentou considerablemente nos últimos anos.
Debate sobre el post