FERROL360 | Mércores 13 abril 2016 | 11:18
Ábrete de orellas, portal de lecer que se emite dende Ferrolterra, vén de clasificarse finalista dos III Premios Martín Códax da Música optando ao galardón de Mellor Espazo de Comunicación Musical, xunto á plataforma GZMúsica e o programa Tres peixes voando, de Radio Galega.
O vindeiro xoves 28 coñeceranse os gañadores deste concurso.
Ábrete de orellas naceu en Ferrol no ano 1997 coma programa radiofónico, da man de Pepe Cunha, que tamén fai as súas achegas de comentarista musical a outros medios como Radio Kaos, Rádio FilispiM, Diario de Ferrol, Radio Fene, De troula, Xornal de Galicia, TVG, etcétera.
Coa entrada no novo milenio, concretamente en 2003, nace abretedeorellas.com, un portal especializado en música e concertos en Galicia que presta unha atención especial a artistas, salas e produtoras do país. «A nosa axenda orelluda de concertos e crónicas procura ser ecléctica e coidada. Apostamos por ser punto de encontro das diferentes propostas da música popular», sinala o propio Cunha, que asegura rexistrar cifras de 15.000 visitantes únicos ao ano e preto de 2.500 seareiros en Facebook. Dende este portal, comenta, «aprendemos e compartimos, lanzamos suxestións, recomendamos concertos e invitamos a degustar produtos do país e de fóra».
A radio e a Internet danse a man en outubro de 2013 para poder facer realidade un programa semanal que se grava en Rádio FilispiM –«a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos»– e que está dispoñible a través de podcast. Actualmente o programa difúndese tamén en Cuac FM (A Coruña), A Kalimera (Santiago), Radio Roncudo (Corme), Radio Fedello (Ourense) e Onda Neria (Corcubión).
Debate sobre el post