Publicidad

O prazo de inscrición para a Ludoteca municipal da Solaina continúa aberto

FERROL360 | Mércores 2 novembro 2016 | 10:33

A Ludoteca municipal da Solaina mantén aberto o prazo de inscrición para os nenos de 2 a12 anos, ofrecendo actividades de balde deseñadas en función das idades dos participantes. Ademais das actividades temáticas que se desenvolven ao longo do ano, e para as que é preciso preinscribirse, a Ludoteca conta tamén cun servizo de préstamo domiciliario de material de lectura.

As instalacións municipais, que teñen como principal función conciliar a vida familiar e laboral, ademais de impulsar actividades de carácter cognitivo, sensorial e intelectual, dispoñen dunha capacidade para 40 persoas.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anima á veciñanza a facer uso deste centro e salienta que «permite implicar ás familias das nenas e dos nenos nunha gran variedade de actividades, de xeito cooperativo e coa colaboración dunha orientadora e dunha monitora que traballan nesta ludoteca».

Animación á lectura, xogos e técnicas de estudo, xogos cooperativos, actividades artísticas e psicomotricidade e ritmo forman parte do calendario de actividades. Os nenos de dous anos deben ir acompañados por un adulto en horario de xogo libre, ao non participar nos obradoiros habituais convocados desde o centro.

Os venres toda a tarde se reserva para xogo libre, xunto con información e préstamo de libros a última hora, de 19:00 a 20:00 horas. As instalacións abren as súas portas do 8 de xaneiro ao 25 de xuño e desde o 10 de setembro ata o 21 de decembro no período escolar, de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas.

Nas xornadas non lectivas, do 26 de xuño ao 9 de setembro e do 21 de decembro ao 7 de xaneiro abren de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 389 284 ou escribir ao correo electrónico: ludoteca@naron.es.