FERROL360 | Martes 17 novembro 2015 | 14:10
«7 encontros pola igualdade» é un proxecto que busca promover, desde o sistema educativo, accións compensadoras das desigualdades persoais, económicas e sociais, que se deriven de calquer tipo de discapacidade.
A iniciativa parte da dirección do CPR Lestonnac e do CEEPR Aspanaes-Ferrol e conta co apoio da Concellería de Ensino de Ferrol. Traballarán aspectos básicos como a convivencia, solidariedade e activismo social.
As actividades, que combinan educación con experiencia, comezarán este mes de novembro e estenderanse ata abril. Haberá sete saídas do alumnado aos centros participantes, que terán lugar en datas sinaladas, para convivir e compartir espazos, experiencias e traballar na igualdade.
As perspectivas á traballar serán a igualdade de xénero, socioeconómica,interxeneracional e de diversidade funcional. A este proxecto sumáronse o CAMF, a Residencia Mixta de Maiores de Caranza, a Cociña Económica de Ferrol e o Centro de Día Oblatas O Mencer de Ferrol.
O concelleiro de Ensino, Suso Basterrechea, aplaudiu este proxecto didáctico e de convivencia por unha sociedade «máis solidaria, igualitaria e xusta» e amosou o respaldo do Concello de Ferrol a unha iniciativa traballada desde os propios centros implicados.
Pola súa banda, Eva Díaz-Robles, a directora do CPR, explicou que a iniciativa xorde do desexo de dar un paso máis na relación de traballo e colaboración de dous centros educativos da cidade de Ferrol, con realidades distintas e que levan compartindo alumnado desde o curso 1996-97.
Na actualidade, indicou, oito alumnos de Educación Especial de entre 8 e 18 anos, comparten escolaridade entre ambos os centros, opción educativa que promove a igualdade de oportunidades no ámbito escolar e a inclusión do alumnado de todas as capacidades no sistema educativo ordinario.