FERROL360 | Mércores 31 decembro 2014 | 14:39
Os socialistas de Cerdido critican o estado no que se atopan varias pistas do Concello logo dos traballos forestais. Desde a formación aseguran que recibiron numerosas queixas veciñais por este motivo e indican que é unha situación que se repite a cotío e que non ten visos de solucionarse a curto prazo.
Nun comunicado, o PSOE da localidade denuncia que o Concello non actúa dentro das súas competencias. Asimesmo, engade que «tódalas reunións da alcaldesa foron un simple trámite que amosa una vez máis o desleixo e impotencia do grupo de goberno para facer cumprir as normas».
Os socialistas poñen de exemplo o estado no que se atopa a estrada do Coto da Forca a Fercoi e reclaman ao Concello que dea resposta e resolva esta situación. Unha situación, que segundo apuntan, crea malestar entre os veciños ó mesmo tempo que ocasiona danos que afectan ó patrimonio e ó orzamento municipal.
Así, o PsdeG-PSOE de Cerdido insta ao Concello a que se poña a traballar en firme no vindeiro ano para lograr a convivencia da actividade forestal coa conservación das vías públicas, «xa que iso é unha tarefa na que deben implicarse tódolos sectores polo ben común», conclúe o comunicado.
Debate sobre el post