FERROL360 | Domingo 17 maio 2015 | 19:37
A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García, pasou este domingo facendo deporte na pista verde de Santa Icía, nunha xornada deportiva-familiar.
Neste marco presentou algunhas das súas propostas en materia de deporte, co obxectivo de «achegar todas as actividades deportivas á cidadanía e que ninguén se quede sen practicar deporte por motivos económicos».
«O Concello de Narón é punteiro en materia de deporte» dixo García, engadindo que «queremos dar máis transparencia aos convenios deportivos e ás subvencións», dando apoios aos clubs dende a igualdade de oportunidades de dereitos.
A creación do Consello Municipal de Deportes, a construción dunha piscina olímpica mancomunada en colaboración con outros municipios da comarca «de xeito que podamos desconxestionar o resto de piscinas que temos nos nosos municipios», a subvención de matrículas en actividades deportivas e o fomento do deporte base, son algunhas das propostas do programa.
Tamén, apostan por ampliar a oferta deportiva municipal pensando nos rapaces e rapazas adolescentes, coa incorporación de actividades e espazos para a práctica de patinaxe, rocódromo e parkour.
Debate sobre el post