RAÚL SALGADO | @raulsalgado | Ferrol | Domingo 17 maio 2015 | 23:16
Xogábase determinar en que posto remataría a tempada regular. Finalmente, o Racing é terceiro no grupo primeiro da Segunda B. O clube ferrolán, que caeu este domingo en Villaviciosa ante o Lealtad por 1-0, coñecerá este luns (17:00 horas) o nome do rival co que abrirá a fase de ascenso a Segunda División A a vindeira fin de semana.
O conxunto de Manolo García accede á fase de ascenso con 69 puntos, 65 goles a favor e 41 en contra grazas a 20 victorias, 9 empates e 9 derrotas. No seu grupo, o Logroñés perdeu (1-0) a domicilio do Langreo e empata en puntos cos ferroláns, mentres que o Real Murcia gañou ao Valladolid B (2-1) e suma 72 puntos.
O Real Oviedo perdeu o sábado en Coruxo por 3-2 e ten 80 puntos dende a primeira praza. Descenderán Langreo, Zamora, Tropezón e Marino e xogará a promoción o Avilés.
Hai tres alternativas este luns: Almería B, Reus ou Guadalaxara. O conxunto andaluz chega ao play off en calidade de terceiro do grupo cuarto da categoría de bronce tras empatar este domingo (1-1) no seu campo ante La Hoya. Ten 62 puntos, sete menos puntos que o Racing. Gañou 17 partidos, empatou 11 e perdeu 10, con 47 goles favorables e 30 adversos.
Rivais
No caso dos outros dous posibles rivais do Racing, o Guadalaxara é terceiro no grupo segundo, con 61 puntos, 16 victorias, 13 empates, 9 derrotas, 49 goles ao seu favor e 43 en contra. Mentres, o Reus ten 63 puntos tras 19 triunfos, 6 empates, 13 derrotas, 44 goles favorables e 33 adversos.
Sobre o papel, o Racing semella o favorito ao comparar os números cos outros tres equipos. Rematado o sorteo deste luns, a escadra naval xa comezará a despachar as entradas para o play off, cuxa primeira eliminatoria terá que xogarse as dúas vindeiras fins de semana. Presúmese que o primeiro encontro sexa adiantado ao sábado para non coincidir coas eleccións municipais.
Esquece xa o grupo ferrolán o acontecido este domingo en Les Caleyes, onde pouco puido facer para evitar a derrota que certificou o gol do local Yosu no minuto 60. O campo tivo unha boa entrada, xa que os asturianos xogábanse a permanencia na categoría, finalmente confirmada para festa da afección.
FICHA TÉCNICA
Lealtad de Villaviciosa: Javi Porrón, Sergio (Dani no 14), Turégano, Pantiga, Mikel, Piniella, Lombán (Matías no 56), Yosu, Pablo Espina, Sergio Villanueva (Ospina no 82) e Pedro
Racing de Ferrol: Ángel Galván, Jonathan Aspas, Diego Maceira, Miguel Ángel Tena, Antonio López, Víctor Vázquez (Diego Vela no 62), Marcos Álvarez, Dani Rodríguez, Joselu (Álvaro Rey no 79), Maikel Mesa e Carlos López (Manu Mariña no 67)
Goles: 1-0, Yosu, minuto 60
Árbitro: Aritz Azpilikueta (Euskadi), que amonestou aos locais Turégano e Yosu e aos ferroláns Víctor Vázquez e Jonathan Aspas
Incidencias: Les Caleyes, boa entrada de afeccionados, que festexaron a permanencia ao remate
