Publicidad

O Real Coro Toxos e Froles organiza un obradoiro de baile tradicional con Henrique Peón

FERROL360 | Venres 26 febreiro 2016 | 18:02

Unhas 40 persoas participarán este sábado no obradoiro de baile tradicional, que organiza o Real Coro Toxos e Froles, e que correrá a cargo de Henrique Peón. O curso é unha continuación do primeiro levado a cabo a finais do ano pasado, no que se tratou a colocación corporal para o baile galego, un punto de partida para e mellora técnica dos bailadores.

Nesta ocasión, a clase está dirixida á introducción ao baile da muiñeira. Un dos nosos bailes e, probablemente, o máis característico de Galicia. Este obradoiro desenvolverase en horario de mañá e tarde de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas no local do Real Coro Toxos e Froles.

A entidade indica que Henrique Peón é probablemente a persoa con máis influencia na actualidade no mundo do baile galego. Cunha longa bagaxe como mestre e director de Xacarandaina, na actualidade está a buscar novas formas de entender a nosa danza con espectáculos como O Poder do Arcabuz, estreado no mes de decembro no Teatro Colón da Coruña.

Máis obradoiros

Nos vindeiros días publicaranse as bases para a inscripción noutros dous obradoiros impartidos por Suso Vaamonde. O primeiro deles será unha continuación do levado a cabo a finais do pasado ano e levará por título afinación e ornamentación para gaita galega. Terá lugar o sábado 19 de marzo.

O segundo será unha introducción ao acompañamento instrumental con pandeireta e realizarase o sábado 30 de abril.

Ademais de difundir a nosa música, os nosos bailes e cantos populares, o Toxos traballa na formación e no achegamento á sociedade das tradicións galegas, buscando con elo que non se vanalice o noso folklore. Tamén organiza estos obradoiros, que permiten traer a Ferrol ás primeiras figuras nos distintos eidos para que impartan clases.