FERROL360 | Xoves 3 marzo 2016 | 18:40
Os amantes dos cans teñen unha cita esta fin de semana coa Exposición Canina Cidade de Narón. O recinto feiral do Trece, en Sedes, será o escenario da convocatoria na que participarán preto de 150 cans procedentes de diferentes puntos de Galicia. A entrada para este evento é gratuíta.
A actividade arrancará este sábado, ás 17.00 horas, coas exhibicións caninas con catro categorías. Está previsto celebrar unha exhibición no exterior, no caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan, da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (Casaga).
Pechará o programa do sábado o certame de mascotas, con trofeos para os gañadores. A cota de inscrición na convocatoria do sábado ten un custe de tres euros e poden formalizarse o mesmo día a partir das 16.00 horas.
O domingo terá lugar unha exposición e as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo no recinto a partir das 11.00 horas. O prezo por inscrición é de 20 euros. A mostra desenvolverase ata o mediodía e a partir das 16.30 procederase á entrega de trofeos.
Un xuíz internacional encargarase de valorar aos cans que participen, xa que esta proba é puntuable para o campionato galego. Así as cousas, procederase a entregar os diplomas aos gañadores do campionato galego de 2015.
Presentación
A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, e o presidente e a tesoureira da Sociedade Cinolóxica Galega Expogal, Javier Davila e Beatriz López, respectivamente, presentaron este xoves a quinta edición da Exposición Canina Cidade de Narón.
Davila agradeceu «a constante colaboración» do Concello de Narón a esta convocatoria e explicou que o cartaz da exposición ten «un trasfondo dun proxecto sobre a educación á cidadanía en materia de convivencia cívica cos animais».
Pola súa banda, Gómez animou a todos os veciños a acudir a esta cita «para poder ver a calidade dos cans que se presentan a este tipo de convocatorias e o traballo que realizan asociacións como Casaga», en materia de adestramento de equipos formados por un guía e un can para tarefas como a localización de persoas desaparecidas.