FERROL360 | Venres 9 marzo 2018 | 17:13
O recinto feiral do Trece, en Sedes, acollerá este sábado e domingo unha nova edición, a sétima, da ‘Exposición Canina’, organizada polo Concello de Narón e a Sociedade Cinolóxica Galega. Na xornada do sábado, a partir das 17.00 horas, está prevista a celebración dunha exhibición canina e tamén terá lugar durante a tarde nun concurso de mascotas, para o que é precisa inscrición previa.
Haberá premios para as categorías Miss, Míster, King Kong e Pitufín. A maiores, tanto o sábado como o domingo, convocáronse recoñecementos de raza, para que todas as persoas con cans interesadas en que obteñan o pedegree poidan tramitalo.
O domingo a exposición abrirá ás 11.00 horas, ata as 14.00 e pola tarde de 16.30 a 18.00. Unha hora antes da apertura –sobre as 10.00- os responsables da organización estarán no recinto do Trece para abrir o prazo de inscrición na exposición nacional canina, proba puntuable para o campionato autonómico e na que participarán cans con pedegree.
A concelleira de Feiras, Mar Gómez, asegurou que «esta exposición canina é na actualidade todo un referente na zona, ao reunir neste municipio a persoas que, chegadas tamén doutras localidades galegas principalmente, participan activamente cos seus cans neste tipo de exhibicións e certames».
Mar Gómez valorou ademais a oportunidade que ofrece este evento para que todos aqueles animais que non teñan pedegree poidan obtelo a través dos trámites que se realizarán nun espazo habilitado esta fin de semana no recinto feiral do Trece, donde se celebrará esta sétima edición da Exposición Canina de Narón.